MQVS son dez cápsulas sonoras que recollen experiencias de mulleres diversas en xeración e percorido vital. Hai quen leva máis de trinta anos vivindo soa e hai quen leva pouco tempo. Hai quen o tivo sempre moi claro e hai a quen lle custou tomar esa decisión. Para algunhas foi un paso decidido e consciente que era indispensable para construírse dende a liberdade e a independencia, para outras foi un paso imprevisto que se converteu nunha aprendizaxe tan grande que ata din que todas deberiamos pasar por ela. Mulleres que nos falan do que supón económicamente, do silencio e da calma, das comunidades afectivas que teñen arredor ou de a que lle dan importancia e a que non. Nesta serie de podcast todas comparten as súas reflexións e compoñen un mosaico de voces, de experiencias, coas que sabermos que hai diferentes maneiras de construír un fogar.
Un proxecto de Berrobambán, partindo dun espectáculo de Paula Carballeira e financiado polo INAEM-Ministerio de Cultura para a modernización das estruturas culturais.
Entrevistas e edición: Xiana Arias Gravación e montaxe: Berio Molina Música: '56E1' de @c (alg-label, compilatorio #2)
Sobre berrobambán
Berrobambán nace no ano 2000 como unha compañía de teatro destinada a produción de espectáculos teatrais dirixidos a todo tipo de público. Tamén mantivemos outra liña de traballo ligado ao ámbito educativo e social.
Máis tarde, modificamos o ritmo de creación da compañía apostando por novos elencos, novos públicos e novos formatos. Nese momento é onde aterrezamos en Youtube. Aquí podedes atopar unha pincelada de Berrobambán con contido exclusivo derivado dos nosos proxectos, vídeos informativos, pequenos momentos dos nosos espectáculos e os nosos podcast.
Facer memoria é un proxecto no que a veciñanza dos concellos participantes ten unha serie de encontros con compoñentes da compañía Berrobambán. Nesas xuntanzas compartimos historias e anécdotas directamente relacionadas co lugar, e así, entre contos e conversas, tentamos reconstruír parte da memoria local. Este podcast recolle algúns dos momentos vividos coa vontade de espallalos e que formen parte da memoria colectiva.