En Maruxairas, libraría de libros lidos, atoparás libros que andan á procura dunha nova lectura, dunha nova vida, dunhas novas mans que se pousen nas súas páxinas.
Aquí poderás perderte entre centos de libros, nun local que deseñamos con moito agarimo e coidado. Queremos que entres non só a mercar, senón a gozar desa busca, dese paseo visual e táctil entre portadas, lombos, páxinas, palabras, ilustracións, historias.
As e os amantes do libro sabedes do que estamos a falar. Entrar nunha libraría é algo máis que atravesar unha porta, elixir un libro, pagalo e marchar. Entrar nunha libraría é un pracer para os sentidos, unha maneira de relacionarse con esta paixón de ler que compartimos tanta xente, e que comprende todo un proceso completo, dende que nos achegamos a unha libraría ata que lemos a última páxina, pechamos o libro e o deixamos, con nostalxia, de novo nun andel.