Obradoiro Dixital Galego

Benvida a Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego

Introdución

— MAIS ¿qué queredes vos?

— Queremos convertir a Galicia d'un arrabal nun centro; facer que teña vida propia, grande, inmensa; que chegue a ser unha lumarada espiritual acesa alumeando o mundo enteiro.

— ¡Obra grande! Mais ¿cómo?

— Para as grandes almas son as obras. ¿Cómo facel-o? Co noso esforzo, que non debe conocer límites; coa nosa vontade, para quen deben ser as tarefas infinitas: co traballo e a disciplina de todo o noso ser: ¡O porvir é para os que saben conqueril-o!

— ¡Vaguedás! Falade en concreto ¿Cómo servir â vosa causa?

— Sirve a Galicia o que aproveita un salto de auga, o que fai froitificar dobremente un campo; o que crea unha compañía de navegación; o que escribe un poema, pinta un cuadro, abre unha escola, fai cencia....

O home mais simple, o mais pequeño de espirito, cando na sua acción pensa n' aquel pobo que un día rexurdirá na beira do Atlántico como un novo lumiar, será grande e sentiráse grande. E todo esto, tendo sempre presente o fin d'unha Galicia nova, porque ¡ai do que queira vivir egoístamente por sí e para sí! Morrerá e está de feito ja medio morto. ¡O egoísmo é o pai da morte!

— De maneira que o noso ideal...?

— ¿O noso ideal? Un pobo culto, nobre, traballador, creador do mais alto que exista, n'unha terra fecunda; unha inmensa perspeitiva de searas e bosques, de talleres, de portos, de poesía, de cencia, de ideal...

Esa é a nosa Galicia do futuro.

Xohán Vicente Viqueira - Publicado en "A Nosa Terra" o 31 de Maio de 1922.

A Asociación

En marzo de 2022 acordouse, nunha reunión da comunidade, constituírnos nunha asociación cultural . E conseguímolo! O 17 de setembro de 2022 asinouse a acta fundacional e o 27 de outubro inscribiuse legalmente co número de rexistro 2022/025331-1 a:

ASOCIACIÓN CULTURAL OBRADOIRO DIXITAL GALEGO

Ser unha asociación cultural permítenos ser moito máis participativas e ter unha actividade moito maior. É por iso que tamén che pedimos que nos axudes. Cómo?

Afíliate

Como socia poderás participar de todas as nosas actividades e funcionamento interno. Só tes que descargar e cubrir a ficha que atoparás premendo nesta ligazón, asinala e devolvérnola ás direcións indicadas. Asociarnos danos unha forza que ningunha de nós pode chegar a ter por si mesma para defender a nosa lingua e a nosa cultura nos novos medios, no presente e no futuro.

A partir de que recibamos a túa ficha de afiliación, porémonos en contacto contigo polo correo electrónico que nos indiques e comezarás a recibir as comunicacións oficiais da asociación.

Vantaxes das asociadas

  • O convenio que temos con PuntoGal permite as persoas asociadas contratar dominios .gal a un prezo non superior a 13€+IVE.
  • Personalización das etiquetas e textos de promoción na páxina web, ademáis de aparecer destacada na páxina.

Cota de socio

Ser socio require dunha pequena aportación económica. Tes varias opcións:

  • 12€/ano como cota reducida para estudantes e persoas desempregadas
  • 24€/ano como cota xeral para o resto de persoas
  • Podes personalizar a cota se queres aportar máis de 24€/ano

Esta aportación é unha grande axuda e que nos permite pagar cousas como:

  • Material e aluguer de postos.
  • Os servidores que aloxan a web e aplicativos que difunden o contido.
  • E en definitiva é un apoio directo á normalización da nosa lingua nos novos medios.

Estatutos

Podes consultar os estatutos da asociación premendo nesta ligazón.

Fins

Son fins principais da asociación:

  1. Crear, rexistrar, promover e difundir o contido en galego, en calquera das súas normas ortográficas, en Twitch, Youtube e plataformas similares, así como en formato podcast, que non sexa contrario aos presentes estatutos.
  2. Constituírse en comunidade e punto de encontro de persoas creadoras de contido en galego nos ámbitos mencionados no punto 6.1.a) e fomentar a colaboración entre elas.
  3. Fomentar a creación de comunidades arredor dos contidos recollidos no punto 1.
  4. Promover e defender a lingua galega e o seu uso en todos os ámbitos, asumindo un papel activo na normalización do idioma.
  5. Traballar por, e promover, a non discriminación por causa de xénero, raza, cultura ou orientación sexual, así como valores relacionados.
  6. Traballar pola creación dunha etiqueta ou denominador que sirva para distinguir o contido en lingua galega en Twitch e plataformas similares nas que non exista.

Para levar a cabo ose seus fins, a asociación podeá organizar as seguintes actividades:

  1. Manter rexistros actualizados de canles e persoas creadoras de contido en galego nos ámbitos mencionados no punto 1 dos fins, así como do contido das mesmas, e disponibilizar e promover estes rexistros entre o público en xeral.
  2. Manter servidores na plataforma Discord e plataformas similares, así como perfiles en redes sociais, e poñelos a disposición do cumprimento os obxectivos da asociación.
  3. Asesorar e prestar asistencia a persoas creadoras de contido ou con intención de crear contido en galego.
  4. Promover o traballo e obxectivos da asociación entre o público en xeral.
  5. Realizar calquera tipo de campañas ou eventos públicos ou culturais, de maneira presencial ou telemática, para avanzar no cumprimento dos obxectivos da asociación.
  6. Establecer redes de cooperación con centros educativos, docentes, educadoras sociais, dinamizadoras da lingua, etc. coa finalidade de promover dentro das súas comunidades educativas o uso e a creación de contidos dixitais en galego.