O madialevo é un mestre de primaria ourensán, tamén xornalista, que cada semana fai un directo en Twitch para xogar o Geoguessr coa xente do chat. O Geoguessr é un xogo que consiste en indicar no mapa o lugar que aparece na imaxe. Elabora os seus propios mapas temáticos. Este é o pretexto para falar de Galiza, da súa paisaxe e dos seus lugares.
Ás veces o xogo lévanos a outras historias e así deixamos correr a nosa imaxinación porque non hai dúas cousas que non estean fiadas dalgún xeito. As conversas tratan de cultura e de educación, tamén de actualidade, de deporte, das experiencias da vida porque un xa vai tendo os seus anos. Algunhas veces compartimos as nosas teimas educativas, entramos nunha hemeroteca dixital ou consultamos calquera sitio curioso da rede.
En Youtube publicamos vídeos orientados ao noso alumnado de primaria e ás súas familias.