Inscrición no rexistro de asociacións e posto no culturgal

Publicado por Obradoiro Dixital Galego

3 min

Díptico do Culturgal

O pasado 27 de Outubro recibimos a disposición favorable da administración e xa estamos inscritos no rexistro de asociacións. En canto as liñas de traballo da xunta directiva, estamos a traballar en dúas principais:

Culturgal

Estamos traballando en ter material, trípticos e o traballo de organización, etc. Imos facer un directo no culturgal e como mínimo imos botar unhas risas e dar a coñecer o proxecto e a comunidade de forma activa. Cantos máis esteamos, mellor o imos pasar e mellor imos poder darnos a coñecer, explicarlle á xente o noso proxecto, etc. Ademáis, imos ter tumbonas no stand. Por iso queremos pedirvos que asistades, porque sería xenial contar coa vosa presenza nalgún dos días.

A Culturgal vai ser do venres 25 ao domingo 27 en Pontevedra. Ao ter posto, podemos conseguir entradas a metade de prezo para bastante xente así que avisádenos de antemán para que vos pasemos o código. Imos ter un espazo dos máis básicos que ofrece o culturgal, non foi barato pero ímolo aproveitar ben e calculamos que os beneficios para o proxecto van superar o seu custe. Queremos que sexa un reflexo da riqueza das nosas comunidades polo que convidamos a todas as canles a facer uso del.

Se tedes material da vosa canle podedes traelo e facémoslle sitio. En principio comunicámoslle ao culturgal que este ano non imos facer actividade comercial como actividade principal, así que non imos facer venda de material a grande escala. Para outros anos xa se poderá falar. Pero podemos repartir material como colantes da vosa canle, etc. (se os tedes, se non os tedes pensade en facelo que non é caro ter colantes e mola bastante).

Temos pensado facer directos esporádicos dende o culturgal e convidámosvos a participar neles e a traer as vosas actividades ao posto. Ademáis, imos editar un tríptico con información básica sobre o proxecto, indicando que axudamos a novos creadores, agregamos listas de canles, etc, e convidando a xente a unirse ás nosas redes e ao discord.

Asemblea Xeral Anual

Como vos dixemos, estabamos pendentes do visto e prace da Xunta, que chegou a semana pasada. Quereriamos ter a asemblea o antes posible e regularizar a cuestión das persoas asociadas, etc. e ter un grande momento onde xuntarnos todos, facer balance e contemplar os desafíos que temos diante como comunidade e como podemos mellor organizarnos para acometelos (e por suposto tamén celebrar todo o traballo feito ata agora).

Como o culturgal está aí xa, valoramos que vai ter que ser máis tarde. E como decembro é un mes complicado para todo o mundo, fixamos como data tentativa para a Asemblea Xeral o sábado, 21 de xaneiro, ás 12.00 (12h en primeira convocatoria, 12:30h en segunda). Como xa falamos, queremos que sexa en Vigo. En breves teremos confirmación dun local acaído para tal reunión, que xa temos apalabrado e seguramente será na zona do Casco Vello.

De comezo esperamos que con esta antelación sexa suficiente a todo o mundo que vaia querer vir para reservar o día, pero se alguén tivese xa unha indisponibilidade grave que coñeza porfa que nolo faga saber a calquera de nós. Se hai moita xente que non pode ese día poderiamos mirar de organizar doutra maneira, pero de comezo queremos traballar con esa data.

Por suposto, haberá convocatorias máis oficiais, e detallaremos ordes do día e temas a tratar, etc, pero de momento queriamos anunciarvos xa isto e darvos a información dende xa. Coma sempre estamos á vosa disposición para o que faga falla e agardamos que poidamos contar con vós,

A xunta directiva