Fálame é un proxecto web colaborativo baseado en 4 ideas simples: fotos que falan, fusión do pasado e presente, protagonismo da veciñanza e mestura de formatos (vídeos, sons, audios, documentos, imaxes, músicas, mapas ou xornais).
Hoxe xa é un espazo vivo e integral da memoria que sostén o devalar cotián das xentes, empresas, asociacións ou creadores-as das terras de San Sadurniño, e que ademais contribúe en grande medida ao empoderamento dunha pequena comunidade rural grazas ao intercambio de experiencias e información das persoas participantes.
Na web, a canle de Youtube e Ivoox, podemos atopar diferentes proxectos e categorías:
- CHANFAINA LAB: Catálogo virtual do encontro de cineastas galegos e galegas en San Sadurniño desde a súa primeira edición no ano 2014.
- TEÑO UNHA HORTA EN SAN SADURNIÑO: O proxecto que difunde e comparte coñecemento eexperiencia das mulleres en relación cos traballos no campo. www.youtube.com/TenounhahortaenSanSadurnino
- TRABALLOS E DÍAS: O devalar no tempo do traballo: os labores agrarios e gandeiros, artesáns, as feiras, comerciantes e taberneiros-as.
- ESCOLAS: O día a día de mestres e cativos nas escolas de San Sadurniño.
- PATRIMONIO: Monumentos, igrexas, edificios, patrimonio inmaterial e pezas singulares -grandes e pequenas- de San Sadurniño.
- EXTRAMUROS: Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes.
- DOCUMENTOS: Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo.
E outras categorías como: Tecnoloxías, xentes, natureza, músicas, gastronomía, lecer, asociacións, empresas, sons, iniciativas ou deportes.