Este Faiado non é o que se atopa na parte máis alta das vosas casas, non. Para subir ao noso faiado, só hai que escoitar todas as conversas que gardamos con moita ilusión para vós. Unha vez dentro, atoparedes o último dos podcasts galegos (e en galego).

Pero, de que imos falar no Faiado? Os temas van ir cambiando en cada episodio, porque aquí somos fans do caos que, ademais, caracteriza aos faiados (quizais cun chisco máis de orde, esperemos). Maioritariamente, serán cuestións relacionadas coa cultura pop, a cultura galega e outras de índole social, que pasan máis desapercibidas nos medios de comunicación. Contaremos con persoas convidadas para crear un espazo no que debater, reflexionar e, por suposto, botar unhas boas risas.