Un podcast de Berrobambán e NVelar escrito, dirixido e presentado por Paula Carballeira. Este podcast naceu a partir dun libro, publicado por Edicións Xerais en galego e por Diego Pun en castelán, que á súa vez xurdiu dos obradoiros sobre historias de medo que Paula Carballeira imparte en centros de ensino coma o IES Cacheiras de Teo ou o CEIP Trabenco de Leganés.
Nos 13 capítulos do podcast atoparedes unha Paula ao máis estilo Hitchcock, historias cheas de intriga e misterio, algunhas delas incluídas no libro e outras de nova creación para alén doutras seccións que vos sorprenderán.
Sobre berrobambán
Berrobambán nace no ano 2000 como unha compañía de teatro destinada a produción de espectáculos teatrais dirixidos a todo tipo de público. Tamén mantivemos outra liña de traballo ligado ao ámbito educativo e social.
Máis tarde, modificamos o ritmo de creación da compañía apostando por novos elencos, novos públicos e novos formatos. Nese momento é onde aterrezamos en Youtube. Aquí podedes atopar unha pincelada de Berrobambán con contido exclusivo derivado dos nosos proxectos, vídeos informativos, pequenos momentos dos nosos espectáculos e os nosos podcast.
Facer memoria é un proxecto no que a veciñanza dos concellos participantes ten unha serie de encontros con compoñentes da compañía Berrobambán. Nesas xuntanzas compartimos historias e anécdotas directamente relacionadas co lugar, e así, entre contos e conversas, tentamos reconstruír parte da memoria local. Este podcast recolle algúns dos momentos vividos coa vontade de espallalos e que formen parte da memoria colectiva.