Youtube en Galego gañou o Premio Rede! 🥳

Publicado por Obradoiro Dixital Galego

1 min

Premio REDE 
Por ser unha canle feita para dar a coñecer e fortalecer as relacións entre persoas creadoras, por visibilizar e ampliar a rede en galego e por ser pioneira en xerar un tecido asociativo arredor do YouTube na nosa lingua. A canle ganadora é Youtube en Galego

O Obradoiro Dixital Galego, por medio da súa canle de YouTube, Youtube en galego, ven de ser galardoado co Premio Rede na última edición do certame Youtubeiras, do que se celebrou a súa gala de entrega de premios onte sábado 17 de febreiro.

Alí estiveron, en representación do Obradoiro (e nalgúns casos dos seus proxectos) a nosa vogal de YouTube Sofía Naseiro, da canle Kinokube Cinema, Mirian Deschain de GFFF que colabora coa canle Cinema Caníbal, Sergio Casal da canle Toxío, Laura Veiga da canle Pingando, Anxo Tato da canle Fica coa Bola (galardoado tamen co Premio Pioneiro), Carlos G. Vieito da canle Exército MekeMeke, Nee Barros da canle neeumatiko e o noso Presidente Fran da Lobeira, da canle a Lobeira today.

Non fai falla que vos diga que isto supón un pulo moi grande para todes nós, e tamén unha responsabilidade para seguir a traballar como o vimos facendo ata o de agora e mesmo máis e mellor. De calquera xeito danos moitos azos para seguir a facer cousas por e para vós durante o presente ano e en anos vindeiros.

Sentídevos por suposto galardoadas aquelas persoas que facedes parte desta familia creativa que é o Obradoiro Dixital Galego, este premio é de todes vós, e sabede que o máis axiña posible faremos unha quedada, ás que en quedaramos en chamar Xantanzas (chiscadela a Xantar + Xuntanza) e que aproveitaremos para sacar unhas fotografías e mesmo uns vídeos co premio e mais coma sempre, gozar da boa compaña, das conversas e das vosas historias.

Isto é de todas e todes vós! En palabras de Familia Caamagno: Xuntas, máis fortes!!