Podgalego
Agrupación de podcasts e falangullos en galego
Historia
Podgalego 1.0
En 2006 nacía Podgalego 1.0, un espazo na rede no que creamos comunidade e espallamos esa daquela nova tecnoloxía chamada Podcast. Definíamolo deste xeito:
"Podgalego.org naceu a finais do verán de 2006 coa intención de recoller nun sitio todos os podcasts galegos tamén chamados falangullos. Aquí podes atopar unha listaxe con todos os que imos descubrindo pola rede adiante, recursos e algunha axuda para que poidas escoitalos ou facer o teu. Se coñeces outros falangullos, sitios de hospedaxe, ou informacións sobre o tema e non o temos recollido aquí, fáinolo saber mediante o formulario de contacto.”
Podgalego 2.0
Logo seguiu o podgalego 2.0 apoiado por Proxecto-DS cunha web renovada na que continuamos apoiando a comunidade podcaster en Galicia con novas, titoriais, recursos e sobre todo co directorio onde listar todos os podcast.
Podgalego 3.0
Dez anos despois, en 2016, chegaba Podgalego 3.0, a terceira versión do espazo adicado aos podcast galegos. Nesta ocasión abeirámonos en Agora.gal para hospedarnos e inspirámonos no directorio da asociación de podcast. E simplificamos os nosos obxectivos para ser simplemente un directorio de podcast.
"Podgalego" é unha web dirixida a agrupar e difundir os podcast en galego. Se queres escoitar contidos de audio usa esta web ou o teu cliente de podcast favorito. Se xeras contidos de audio e queres estar en podgalego, ponte en contacto.
Podgalego 4.0
Despois da pandemia da covidia, agromaron novos falangullos e pensamos que era tempo de facer comunidade e renovar un chisco a casa común.
Renovamos o reprodutor, engadimos as redes sociais dos falangullos para que sexa máis sinxelo seguilos e recuperamos a sección de Recursos para as que queren facer un podcast e non saben moi ben como comezar. Tamén creamos un feed con todos vós para consultar que é o último que saíu.
Formamos un grupo en Telegram para axudármonos unhas as outras e “argallar” proxectos comúns. Se tes un podcast en galego e queres xuntarte connosco, podes avisarnos polo noso correo ou nas nosas redes sociais.
Tamén en Telegram hai unha canle na que estar ao día dos novos episodios de todos os podcasts: t.me/podgalego_episodios
Moitas persoas teñen colaborado con Podgalego ao longo dos anos, mais foron dous os principais impulsores do proxecto: na parte gráfica e boa parte dos contidos ictioscopio (Uxío Broullón), e na parte técnica e organizativa Isaac González.
Se o teu podcast non está en Podgalego, avisa e engadímolo