Regulamento Interno
Regulamento que rixe as canles indexadas e o traballo da asociación
Regulamento Interno
Título I: Regulamento de canles
Consideracións previas: este regulamento de canles está pensado en principio para as comunidades de Youtube e Twitch. Podgalego xa ten un sistema propio e é libre de adoptar este ou non. A moderación de contido é tristemente necesaria na época na que vivimos para evitar que se espallen discursos de odio e, no noso caso concreto, evitar que se contradigan os obxectivos da asociación.
1 - Para formar parte dos nosos sistemas de difusión, as canles deben cumprir os seguintes requisitos:
1.1 - Ter o contido en galego. Pode haber contido noutras linguas en casos excepcionais:
1.1.1 - A lingua vehicular e principal da canle debe ser o galego. O contido noutras linguas debe estar debidamente xustificado en relación aos obxectivos da canle.
1.1.2 - En calquera caso, a lingua vehicular de todas as canles debe ser o galego, e as descricións da canle e de todos os episodios ou emisións, así como todos os textos da canle, deben estar en galego.
1.1.3 - No caso no que haxa excepcionalmente e para episodios ou emisións específicas persoas convidadas que participen no contido que non falen en galego, a persoa que conduza a emisión debe comunicarse en galego en todo momento.
1.1.4 - Estas excepcións só se permitirán se a persoa ou persoas encargadas das canles demostran un compromiso coa lingua e con comunicar en galego.
1.2 - Non contradicir os obxectivos da asociación. En concreto, non se permitirán canles con contido:
1.2.1 - Que atente contra ou menoscabe os dereitos das mulleres, das persoas racializadas ou das persoas LGTBI+.
1.2.2 - Que promova sectas ou pseudociencias perxudiciais para a saúde das persoas.
1.2.3 - Que promova xogos de azar (enténdanse casinos online ou físicos, ruletas e demáis), por entenderse que atentan contra os dereitos das persoas vulnerables e se lucran da vulneración dos mesmos.
1.2.4 - En xeral, que atente ou promova comportamentos que atenten contra a igualdade e dereitos das persoas ou das minorías sociais.
2 - En caso de infracción destas normas:
2.1 - No caso de que sexa unha nova canle que está solicitando ingreso aos nosos sistemas, denegaráselle o mesmo e cominaráselle a emendar o problema e volver solicitar o ingreso.
- 2.1.1 - En caso de que o problema sexa de gravidade patente e atente contra os dereitos das persoas ou colectivos vulnerables, denegaráselle o acceso e non se lle permitirá volver solicitar o ingreso.
2.2 - No caso de que sexa unha canle xa existente nos nosos sistemas:
2.2.1 - Se a infracción é leve, daráselle un aviso. Con acumulación de avisos reiterados, procederase a tomar acción disciplinaria que pode ir dende a suspensión temporal da canle ata a súa eliminación dos nosos sistemas. 2
2.2.2 - As canles así suspendidas ou eliminadas poden volver solicitar a súa incorporación unha vez se emenden os problemas, e a súa solicitude será valorada pola persoa ou órgano pertinente.
2.2.3 - En casos de patente gravidade as medidas disciplinarias poden ser tomadas de inmediato.
3 - Designarase a unha persoa por comunidade para que se ocupe do proceso de incorporación de novas canles aos sistemas en consonancia con este regulamento. En caso de dúbida sobre as infraccións ou a súa gravidade, poderá trasladalas a unha comisión designada a tal efecto pola Xunta Directiva, ou no seu defecto á propia Xunta Directiva da asociación.
4 - Será unha comisión designada a tal efecto pola Xunta Directiva, ou a propia Xunta Directiva da asociación, a que tome as disposicións pertinentes para asegurar a correcta moderación das canles presentes nos nosos sistemas, así como as decisións e procedementos disciplinarios necesarios.
5 - Anímase a todas as persoas sociais a comunicar vulneracións graves ou reiteradas deste regulamento ante os organismos designados para a moderación.
6 - Aplicarase o principio de proporcionalidade nos procedementos disciplinarios e na avaliación da gravidade das infraccións, sen perder de vista a protección dos dereitos das persoas vulnerables, o que inclúe tamén, de ser o caso, a persoas menores de idade.
Título II: Das comisións de traballo.
As comisións de traballo do Obradoiro Dixital:
- Serán nomeadas pola Asemblea Xeral ou pola Xunta Directiva para traballos e fins específicos, con carácter temporal ou permanente segundo as necesidades xerais do traballo.
- Estarán compostas por dúas ou máis persoas. Unha destas persoas será a coordenadora da comisión, e terá as funcións de convocar e presidir as reunións da mesma.
- Poderán ter representación con voz nas reunións da Xunta Directiva, que será exercida pola persoa coordenadora da comisión ou por outra persoa por ela designada.
- No seu traballo cinguiranse ás indicacións da Asemblea Xeral ou da Xunta Directiva
APROBADOS os títulos I e II na Asemblea Xeral celebrada en Vigo, o 21 de xaneiro de 2023